Entendendo o graffiti

Resumo

 

Imaxe de Javier Abarca (urbanario.es)

O día 14 de febreiro Til Diacrítico iniciou unha viaxe de cinco horas de tren en dirección Madrid. O motivo desta viaxe non era outro que asistir ao seminario “Entender el graffiti” impartido por Javier Abarca na UCM.O curso, de tres días de duración, tivo o seu comezo o día 15. Nunha primeira introdución ao campo, fixemos un percorrido pola historia do graffiti. Nesta primeira toma de contacto, descubrimos que o que hoxe parece “novidade”, remóntase nada máis e nada menos que aos tempos de Pompeia. Na cidade da Antiga Roma, os graffitis formaban parte do día a día, en termos políticos-propagandísticos pero tamén en termos de publicidade. Por aquel entón, o graffiti era unha escritura tolerada e valorada, en gran controversia coa actualidade.

Durante a segunda parte do curso, os contidos trataron de explicar o nacemento do graffiti como tal, en que situacións se creou o “movemento”, quen foron as/os precursoras/es… En resumo, un compendio que contestaba ás 5 w’s do periodismo: who, what, when, where e why.

No último día, as tres horas foron escasas para abarcar todos os contidos finais. Coñecemos a diversidade de actuación: os métodos, as ferramentas e os tipos de obra que existen a través de exemplos concretos.

A maiores, os tempos de interacción con Javier e entre as/os asistentes ao seminario foron, tamén, moi interesantes. Tivemos a posibilidade de escoitar opinións e comentarios diversos e variados; unha forma de ampliar o coñecemento adquirido e de coñecer perspectivas diferentes.

Rematado o curso o día 17, iniciamos a nosa viaxe de volta ao día seguinte. Viaxe na cal, para a nosa sorpresa, puidemos apreciar firmas e pezas de moitos estilos durante o traxecto de volta, aplicando os coñecementos e, sobre todo, o entendemento obtido durante as nove horas de curso e as dez horas de viaxe.